Santa María Nai de Deus
Primeira Lectura Num 6, 22-27
Invocarán o meu nome a prol dos fillos de Israel e Eu bendicireinos
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS
Naquel día, o Señor faloulle a Moisés:
- Dilles a Aharón e a seus fillos: Desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel:
"Que o Señor te bendiga e te garde; que faga brillar o seu rostro sobre ti e che conceda a súa graza; que o Señor volva os seus ollos cara a ti e che dea a súa paz".
Invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8
R/. (2a): Deus teña piedade de nós e nos bendiga.
Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós.
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.
Alégrense e canten as nacións,
porque xúlga-los pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.
Lóente os pobos, oh Deus,
lóente todos os pobos.
Que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.
Segunda Lectura Gal 4, 4-7
Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Irmáns:
Así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e suxeito á Lei, para rescatar os que estabamos baixo a Lei de xeito que puidésemos recibir a adopción de fillos.
A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou aos vosos corazóns o Espírito do seu Fillo que exclama Abbá! (que quere dicir meu Pai! ).
Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo. E, por seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Heb 1, 1-2
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
En moitas ocasións, e de moitos xeitos, veulles falando Deus
ós nosos devanceiros por medio dos profetas;
ultimamente falounos por medio do Fillo
Aleluia.
Evanxeo Lc 2, 16-21
Encontraron a María e a Xosé e o neno. E despois de oito días puxéronlle de nome Xesús.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, os pastores foron correndo, e atoparon a María e mais a Xosé, e o neno deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño aquel.
E cantos o oíron, quedaron pasmados do que os pastores lles dixeron.
María, que trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón.
E os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto oíran e viran, todo como lles fora anunciado.
Ós oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Quero ter un recordo especial ós meus compañeiros da primeira CXD da nosa diócese de Tui-Vigo:
P.José Luis Rodríguez
Josefa (a "presi")
Esther
Xosefa e Ramón (de Sárdoma)
Marce e María (de Tameiga)
Anxo e Olga (do Cristo da Victoria)
Tali e Toya (parroquia de S.Francisco)
Ollea
Antonio (Porriño)
César (e máis eu, de Maristas)
e, máis tarde,
Raquel (do Sagrado Corazón)
Emilio
que me aprenderon a ser Igrexa, Igrexa galega, sen decatarme.
Un bico da "secre", a que suscribe, Nuria.
Adícolle esta páxina ós que quixeron rezar ó Pai na súa lingua e non puideron. Por todos eles.
Cun recordo especial para a miña familia de Osoño e Vilela (Verín), cos que teño pouco contacto pero grandes lembranzas.
Unha aperta moi especial ós que formaron parte da miña comunidade xuvenil de GJC e do meu corazón (e non quero dicir nomes, porque eramos moitos e non quero esquecer a ninguén, vós sabedes quen sodes).
A "Madre Superiora".